Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta mellora o albergue de O Pino de cara o Xacobeo 2021, que contará cunhas instalacións mais seguras e accesibles


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións que se están a levar a cabo para mellorar as instalacións que reciben a peregrinos de tres rutas xacobeas
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no albergue de Arca, no concello de O Pino, no que se investirán preto de 700.000 euros no marco do Plan de Albergues, ao que o Goberno galego destina 7 millóns de euros.
Un Plan co que se amplía a rede pública con 8 novos albergues, ao mesmo tempo que se fan as melloras necesarias nos 70 actuais para que estean nas mellores condicións para recibir aos peregrinos no Xacobeo 2021, polo cal este edificio contará cunhas instalacións accesibles e seguras.
“Neste vindeiro Ano Santo un dos nosos obxectivos é ofrecer a tódolos peregrinos que fagan o Camiño garantías de seguridade e mais aínda aquí no Pino, un lugar moi vinculado á peregrinación onde conflúen ata 3 rutas: o Camiño Francés, o Primitivo e o do Norte”, indicou Alfonso Rueda
Por iso, ademais destas melloras do Plan de Albergues a Xunta puxo en marcha estes meses medidas para cumprir con tódolos protocolos de prevención ante a covid-19. O Goberno galego continúa, pese ás restricións sanitarias, a ter todo a punto e nas mellores condicións para ofrecer a mellor imaxe de Galicia no Xacobeo 2021 coa mellora da sinalización das rutas xacobeas e co reforzo da rede pública de albergues a través dun Plan que inclúe a creación de novos locais, así como accións de mantemento, reforma ou ampliación dos xa existentes.
O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que con estas melloras preténdese “dotar de máis albergues e prazas á rede pública para acoller aos peregrinos que teñan previsto facer o Camiño”, aos que lembrou que “contarán con tódalas garantías con rutas seguras” nas que se levan a cabo tódalas medidas hixiénico-sanitarias fronte á covid-19 establecidas polo Instituto para a Calidade Turística (ICTE).